Saturday 11 de May de 2024

O Concello de Brión reparte entre todas as vivendas do municipio un exemplar do libro “Brión: historia, economía, cultura, arte”


O autor, Clodio González, asegura que “son poucos os concellos de Galicia cun libro de historia tan voluminoso como o de Brión, pero é que ten temas como para facer máis libros”

O Concello de Brión vén de repartir entre todas as vivendas do municipio un exemplar do libro “Brión: historia, economía, cultura, arte”, obra do historiador Clodio González Pérez. Un libro que foi presentado no polivalente brionés polo propio autor, quen estivo acompañado polo alcalde brionés, José Luís García, e polo ex tesoureiro municipal, Luciano Pena Andrade, colaborador neste libro.

José Luís García bromeou cos presentes dicindo que “hoxe tócame a min facer de presentador e de introducir as dúas das persoas que máis coñecen da historia do noso Brión a pesar de que, curiosamente, ningún deles naceu aquí”. García lembrou como a primeira edición deste libro, a de 1998, “tivémola que editar cos nosos recursos propios, xa que ningunha outra administración quixo colaborar neste proxecto. Hoxe temos que agradecerlle á Deputación da Coruña e ao seu presidente, Valentín González Formoso, a súa colaboración na edición deste novo libro”.

O alcalde brionés salientou a necesidade de facer esta terceira edición “debido ao extraordinario crecemento poboacional e urbanístico que experimentou Brión nestas últimas décadas, especialmente as súas parroquias da parte baixe”. Ademais, lembrou que se trata do libro que o Concello agasalla a cada veciño que se empadroa no municipio, “polo que quedamos sen existencias ben pronto”.

Historia en galego

Pola súa banda, Luciano Pena salientou a figura de José Luís García na edición deste libro tirando de datos: “dende que se constituíu o Concello de Brión, hai 180 anos, pasaron por aquí 48 alcaldes, o que dá unha media de estadía no cargo de 3 anos e 8 meses. E José Luís leva dez veces máis ca os seus antecesores, o que dá tamén unha idea da importancia da súa figura na historia de Brión”.

Pena Andrade asegurou que “haberá quen pense que é demasiado dedicarlle un libro tan voluminoso a Brión, cando o noso concello ten unha historia tan rica que dificilmente se pode meter nun único libro. Brión bota por fóra”. Neste sentido, loubou o traballo realizado por Clodio González, de quen dixo que “foi un luxo contar con el para facer este libro”, e lembrou que “nestes vinte anos foi o libro máis lido e consultado polos brioneses”.

Segundo Luciano Pena, grazas ao traballo de Clodio González, “o noso pasado deixou de pertencer á lenda e puidemos saber o que pasou, cando e por que pasou. O que nos axuda tamén a entender o noso presente”. Ademais, indicou que “coas tres edicións, estamos falando dun libro que xa repartiu máis de 10.000 exemplares o que, sendo un libro en galego e sobre historia, poderiamos dicir que foi un éxito de vendas de non ser porque se repartiu de balde entre os veciños”.

Un ano de traballo

Finalmente, Clodio González agradeceu a colaboración do Concello, da Deputación e de todos os veciños e veciñas que, como Luciano Pena, achegaron material para o libro, que “está moi ampliado e moi actualizado porque os cambios nestes vinte anos foron totais en todos os aspectos, social, económico….”. Así mesmo, González indicou que “o normal é que non faga outra edición ampliada, pero me gustaría que alguén de Brión tratase de mellorar esta obra e superala en todos os aspectos. Gustaríame ver en 5 ou 10 anos un libro que supere a este e que ese autor mereza ter o título de cronista oficial de Brión”.

O historiador lembrou que, a diferenza da primeira edición que lle levou dous anos facela, a actual foi rematada en apenas un ano. Un libro que medrou de formato, dun A5 a un A4, e que se estendeu ata as 288 páxinas con 219 ilustracións, tanto de imaxes e documentos históricos como de fotografías actuais, xa que o libro recolle os sucesos acaecidos ata outubro de 2016.

Esta terceira edición de “Brión: historia, economía, cultura, arte” é o sétimo que dita o Concello de Brión, despois de “Terras de Compostela”, “Nas raíces de Brión”, “Brétemas luzadas”, “Aldeas”; “Historia de Brión” e “Brión en fotos”. Uns libros que foron repartidos entre todas as vivendas do municipio.